martes, 24 de octubre de 2023

Cronica

O pasado domingo 8 de outubro os integrantes da asociación de sendeirismo Paso Miúdo volvimos a facer unha etapa do Camiño do Cantabrico dende Portocelo ata Area

San Tirso de Portocelo é unha parroquia do concello lugués de Xove o cal ten cinco núcleos de poboación. A parroquia, que foi sede municipal ata a primeira metade do século XIX, está formada polas aldeas de San Cristovo, Vilachá, Portocelo, Villalpol e Canelas.

Na súa costa está a enseada de Portocelo, que serve de abrigo ao portiño, e onde tamén se sitúan tres praias que quedan comunicadas coa marea baixa. Máis ao oeste a costa é máis accidentada. Os accidentes máis importantes son a Punta de Roncadoira, onde se sitúa o faro de Punta Roncadoira , sendo o extremo máis setentrional deste tramo de costa, Punta da Mansa e Punta Saíñas. Así mesmo, a escasa distancia da costa hai un conxunto de pequenas illas coñecidas como Os Netos e situado entre Punta da Mansa e Punta Saíñas.

Os sectores económicos principais son a pesca e a agricultura. O marisqueo foi tradicionalmente un recurso auxiliar para as familias labregas e na actualidade o percebe e ourizo son explotados profesionalmente. Canto á pesca, a frota que ten como base o porto de Portocelo redúcese a un pequeno número de embarcacións tradicionais. A agricultura é outro dos sectores económicos máis importantes da parroquia. Destacan o cultivo do millo, grelos e patacas. A explotación dos montes de eucalipto constitúen unha importante fonte de ingresos para os habitantes da zona.

Na década de 1970 Fenosa promoveu a construción dunha central nuclear no lugar de Regodela. Este proxecto encontrou unha forte oposición tanto na sociedade galega da época como nos habitantes da zona, e o 10 de abril de 1977 tivo lugar unha manifestación histórica, na que 8.000 persoas marcharon dende Viveiro ata Xove .

A o pouco de iniciar a nosa andaina atopámonos coas Ruínas de San Tirso, asentamento humano dende a prehistoria, sendo castro en primeiro lugar para centos de anos despois levantar un monasterio que tralo cese da actividade monacal mantívose como lugar de culto ata o ano 1929.

Seguimos a nosa viaxe por un sendeiro que segue despois nunha pista de terra para atravesar o Monte do Castelo o cal na cima hai un desvío para ir ao Faro de Roncadoira, (coñecido popularmente por Roncadoiro), está situado na punta do mesmo nome e débelle o topónimo ao son ronco que emite a auga cando é impulsada polas ondas a través dun burato en forma de cheminea situado na base do cantil.

Descartamos esta opción pola calor que xa facía e decidimos continuar pola estrada ata a localidade de Vilacha na que unha vez superado o núcleo urbano seguimos por camiños de terra atravesando masas de eucalipto que desta vez, aínda que non son moi lucidos ao paisaxe, protexiamos da calor. Unha vez feita unha baixada pronunciada chegamos a praia de Muiñelo

En realidade esta é unha praia estacional. Isto quere dicir que aparece en temporadas estivais, cando os grandes temporais no mar non arrastran a area deste coído. Cando a vaga de mar permite a acumulación de area, esta é branca e fina e enche a primeira liña do mar, deixando só descubertos os pelouros máis próximos á costa. A enorme riqueza da paisaxe submarina fai desta contorna un lugar ideal para a pesca e a fotografía acuática.

Seguimos pola estrada e unha vez superada unha boa costa a cal un señor nos deixou atallar pola sua finca chegamos ata a praia de Esteiro, amplo areal de 400 metros de lonxitude e unha anchura oscilante coas mareas de entre 40 e 120 metros. Está composta por areas moi brancas e finas, e atópase nunha contorna moi pouco urbanizada. Situada preto da enseada de Muiñelo, forman un conxunto tranquilo e apto para aqueles que queren fuxir das aglomeracións doutras praias máis masificadas. Conta con todos os servizos, por iso obten cada ano a distinción de Bandeira Azul. É considerada polos surfeiros e surfeiras como unha das mellores praias para a práctica deste deporte. Dende o ano 2017 celébrase aquí o campionato Open de Surf de Esteiro, proba que puntua no campionato galego de surf. dende aquí descartamos a sinalizacións e seguimos unha senda ao lado da costa a cal nos leva ata a praia de Portonovo onde facemos unha pequena parada para coller forzas para rematar a nosa andaina.

Logo de tomar uns aperitivos seguimos a senda que nos leva ata a estrada que vai a aldea de Faro, onde encontrarmos un desvío que vai ata o miradoiro do mesmo nome ( un pequeno monte que se encontra a 198 metros de altitude desde onde se pode observar algunha praia do concello e ver illotes como Coelleira, Gabeira ou Insua) aínda que tamén descartamos visitalo pola calor que facía e polo tarde que xa era.

E así chegamos a Praia de Area por unha senda que avanza entre prados ata chegar a un paseo peonil empedrado que nos leva ata a praia, onde un panel ilustra ao viaxeiro sobre os diversos poboadores da praia de Area, segundo os achados encontrados nos diferentes traballos arqueolóxicos realizados en la zona, tras superar un parque, dotado de columpios e tobogáns para os camiñantes máis pequenos, o trazado chega a un aparcamento que será onde rematemos a nosa andaina.

Para o vindeiro mes desprazaremonos ata A Pontenova para facer a Ruta do Muiñeiro Namorado



Powered by Wikiloc